soña nas plantas
axítase nos animais
e desperta na humanidade”
(proverbio sufí)
Unha antiga crenza da India conta que o mundo é o soño de Brahma, deus xigante que todo crea e todo destrúe.
Brahma dorme e no seu soño o mundo existe.
Brahma desperta e na vixilia o mundo desaparece.
É un mito e sintoniza con teorías científicas acerca de universos que se expanden e contraen, tal como a respiración de Brahma.
Deixamos dormir a Brahma para que siga soñando e nós vivindo tranquilamente no seu soño, e soñamos. Soños nocturnos onde construímos incomprensibles mundos paralelos que desaparecen como néboa ao despertar, e soños diurnos que se materializan para aparentar realidades que ao fin tamén desaparecerán.
O tempo semella breve e non é tal. É elástico, capaz de esticar do mínimo ao máximo: cronómetro, horario, fases lunares, translacións de planetas, eclipses, tránsitos de cometas, precesión de equinocios, lento afastar das galaxias,...
O infinitesimal toca o infinito.
En calquera recanto da terra o ceo é gratis, só precisamos de intemperie, ou dunha xanela para asomarnos. Mágoa das cidades, que padecen contaminación lumínica e non permiten disfrutar da mellor das vistas.
Milenios atrás humanas e humanos abraiaron co resplandor dos astros preguntándose a razón das súas misteriosas idas e vindas calculando periodicidades e movementos e representando as súas elucubracións en sinxelos ou complexos calendarios.
Da ancestral cultura do ceo ficaron testemuñas inscritas ou pintadas nas laxes, códices, tratados e mitoloxías.
Unha viaxe que comeza nos petroglifos cos círculos concéntricos, as rodas, as espirais..., continúa polas pirámides e as catedrais para chegar aos mapas estelares, a fotografía dos telescopios espaciais, simulacións e programas dixitais que permiten contemplar o ceo on line.