10 nov 2010

nube rinoceronte


flotando na luz


Igual as pedras dos milladoiros serven de casa a quen peregrina -ánima en pena- a rastras pola terra, e os pelouros do río e os rochedos do mar a quen se deixa levar polas augas.
A quen ousa voar servirá de refuxio a nube iluminada, que imita máis ao corpo que abandoa seu peso no humus do bosque para que del beba a raíz da árbore...



"O mar énchese de pérolas, a marisma de sal tórnase doce coma o río do Paraíso, a pedra convírtese nun rubí da mina, o corpo convírtese en alma.
Aínda que os ollos e as almas dos amantes diluvien coma unha nube, o corazón dentro da nube do corpo brilla coma un lóstrego.
Sabes por que os ollos dos amantes volvéronse coma unha nube namorada? Porque esa lúa xeralmente está oculta nas nubes."
Rumi.

29 oct 2010

retrato de nube

Xa que as nubes están feitas de auga, o seu retrato tamén.

28 oct 2010

constelacións en baixamar




A flora e a fauna mariñas sempre deparan algunha sorpresa. Esta vez os vermes cavaron constelacións na baixamar. Unha baixamar de marea viva, a pesar de que a lúa está devalando (non estamos en novilunio nin plenilunio, nin solsticio nin equinoccio). É posible que os bechiños quixeran representar o Setestrelo e Casiopea, como se pode apreciar nas primeiras fotos. En canto á terceira, que mellor metáfora da Vía Láctea que esta acumulación de covas-estrelas sobre os brazos dun regato na area?
Despois de todo, as constelacións concebidas polas civilizacións humanas non deixan de ser algo completamente arbitrario.

21 oct 2010

xúpiter e a lúa



Versión de Xúpiter e a lúa na praia de Rodeira no día e hora da imaxe de Stellarium en a simple vista (elcielodelmes).
De non ser pola lúa, e imaxinando que non existise contaminación lumínica , veríamos con axuda de prismáticos non só as lúas de Xúpiter senón tamén a Urano, ambos os dous entre as constelacións de Piscis e Acuario.

15 oct 2010

por min, fico aquí

Se entre todos os planetas do sistema escollemos este sería por algo;
máis exactamente, por auga.
Chamarannos a atención as faixas de cor de Xúpiter, os aneis de Saturno coas súas brillantes lúas, as vermellas areas marcianas, os aceirados azuis de Urano e Neptuno ou a pálida e tóxica Venus. Pero, unha vez pousado o pé descalzo -ou a pata peluda - na superficie cálida da Terra, e sobre todo se probamos a mergullar nos seus dondos mares, quereremos ficar nela para sempre.

Se pensamos o contrario fagamos o seguinte exercicio:
1º tomar distancia para contemplala de lonxe co resto dos planetas
2º aterrar e admirar as fabulosas criaturas que nela habitan.





- por min, fico aquí- decidíu o urso branco.

14 oct 2010

entre lusco e fusco





O novo planeta potencialmente habitable ten unha cara virada á estrela-sol do seu sistema sempre quente e iluminada e a outra fría e permanentemente en sombra, así que de vivir alí habería que facelo na zona intermedia e pasaríase do día á noite a cada momento nun contínuo lusco e fusco. Iso non sería un gran inconveniente, o problema segue sendo a insalvable distancia de 20 anos luz que nos separan del e a incerteza de que alí haxa auga líquida. De momento a NASA adianta que Gliese 581g xira nunha órbita case circular similar á nosa, que probablemente estea cuberto de rochas e con gravidade suficiente para reter unha atmósfera mais non asegura que esta sexa respirable.
Por tanto, estamos igual que estabamos, planeta non temos máis ca un, a Terra, e a nosa misión galáctica consiste en coñecelo, coidalo e disfrutalo e se nos peta despegar do chan e dividir o ceo pola metade transitando entre o día e a noite, como faríamos no mundo de Zarmina.

10 oct 2010

solucións para o planeta Terra

Hoxe 10 de octubro de 2010 (10/10/10) celébrase por todo o mundo o “Día Internacional das Solucións Climáticas”.



350.org está a construír un movemento que una ao mundo en busca das solucións para resolver a crise climática ofrecendo propostas de actuación e chámase así porque 350 é o nº de partes por millón de CO2 que non pode ser ultrapasado. “Se non podemos volver a 350, según os científicos, o dano do cambio climático que xa estamos observando continuará e acelerarase. Sen embargo, 350 é máis ca un número, é un símbolo de cara a onde debemos dirixirnos como planeta.”

A seguinte curta de animación titulada “Abuela Grillo” é o resultado dun intercambio cultural de colaboración entre Bolivia e Dinamarca. Unha fábula inspirada nun mito ayoreo que mostra a loita dos pobos contra a mercantilización da auga.


6 oct 2010

planeta alga

Tras un fin de semana de temporal algunhas praias quedaron sen area. Tamén a de Rodeira mudou: verdeceu a auga, a area fina sumíu facendo lembrar o antigo nome de "praia das areas gordas" e a beiramar viuse invadida por una longa fileira de algas pardas. Estas grandes laminarias viven mergulladas formando auténticos bosques. O intenso mar de fondo destes días removeu o seu hábitat e correntes submariñas e fortes ondas varáronas coma arroaces na franxa intermareal. Algunhas forman todo un ecosistema habitado por múltiples especies entre elas moluscos, crustáceos e outras clases de algas.



O chamado "mundo de Zarmina" ou Gliese 581g, ese planeta que din habitable e que orbita en 37 días unha estrela enana e vermella máis pequena e fría que o sol, seguramente non ten nin por asomo a diversidade que presentan estes esbaradizos planetas acuáticos.

3 oct 2010

nubes de chuvia

Pese á chuvia que cae sobre Cabo Home, un tímido sol ilumina as Cíes e prende unha fogueira antes de desaparecer tras a cortina de auga.