27 nov 2008

berce das estrelas

18 nov 2008

sempre hai algo máis grande

14 nov 2008

en tren ás nubes



a lúa e o acueducto

As estrelas, como a xente teñen distintas vidas, unhas son solitarias, outras viven en comunidades ou en parella orbitándose unha a outra e ás veces eclipsándose mutuamente.
Hainas variables, espléndidas, vermellas superxigantes, amarelas, azuladas, enormes e a impoñentes distancias. Teñen exóticos nomes de princesas.
Algunhas, como a nosa, teñen planetas. E os planetas, satélites.

Que sorte ten a lúa que se pasea por onde quere, por todas partes ao mesmo tempo.
Ela si que ten o don da ubiqüidade.
Ambivalente, devala no hemisferio sur mentras no norte é crecente.
Esta noite está chea, chea para o norte e para o sur.
O sábado deuse unha volta por Segovia mentras cara ao oeste ocultábanse como lúas diminutas os planetas (Venus e Xúpiter).





6 nov 2008



Semellante á nosa Vía Láctea, esta galaxia NGC 7331, a uns 50 millóns de anos luz de distancia, encóntrase na constelación de Pegaso, rodeada doutras galaxias moito máis afastadas.




PEGASUS

Acompáñame Pegaso, atravesaremos o Helicón
quero beberme os versos que brotan
da fonte de Hipocrene,
porque os meus ollos xa non captan
a intanxible beleza,
porque me foxen os ritmos acuáticos
do trafego dos días,
porque as cores dun serán
non me seducen a mirada.
Acompáñame, Pegaso, vengaremos ás amazonas
subiremos ás nostálxicas lendas
dende o non retorno galopante
da memoria perdida.
Acompáñame, Pegaso,
porque os meus ollos xa non saben
discernir as sombras caducas,
porque me foxen os sorrisos
hibernados de todas as mulleres,
porque os seus ollos sedutores
enchen o abismo de fogos de artificio.
Acompáñame, Pegaso, galoparemos
con ritmo voluptuoso polas noites
deste outono condenado ao recordo.

(do libro de poemas sobre constelacións
Interludi de Consol Martínez Bella,
en tradución do catalán ao galego)

3 nov 2008

cúmulos na Branda de Alhal



1 nov 2008

nube chapeu sobre monte Tegra



“As simetrías aparecen tamén en transformacións que implican un contexto, unha escala ou forma. Montañas e toupeiras comparten aproximadamente a mesma foma, igual que as espirais de estrelas nas galaxias e os remuíños de leite no café.

As carapas de caracois e os xirasois repiten as mesmas pautas porque nas súas instruccións xenéticas hai codificada unha simetría da proporción: a seguinte fila de pétalos ou a inmediata voluta da carapa deben crecer de tal xeito que garden a mesma proporción coa que precede e segue.”
K. C. Cole, O universo e a taza de té

30 oct 2008

Vía Láctea, a galaxia

O que nós vemos da Vía Láctea é unha mancha esbrancazada que atravesa o ceo nas noites despexadas semellando unha banda de diminutos puntos que son as estrelas.

Unha delas é o Sol arredor do que xira a terra coa súa lúa igual que outros planetas xunto cos seus satélites.

Como xiran as galaxias arredor do seu propio centro, e todos os sistemas solares con ela.

Todo o noso sistema solar está situado na periferia da Vía Láctea.
Claro que nós o Sol vémolo dun tamaño desproporcionado en relación ás outras estrelas porque en comparación con elas está moito máis perto.

Estamos dentro da espiral e o que vemos á noite é un dos seus brazos.



A Vía Láctea é unha galaxia espiral cuns 200 billóns de estrelas. O sol está no brazo de Orión, a aproximadamente 26 000 anos-luz do centro. Cara ese centro da galaxia as estrelas quedan cada vez mais perto unhas das outras.



Clica aquí se queres ver outra versión que fai tamén referencia ás nebulosas.

24 oct 2008

Universo elegante: teoría de cordas



As cordas vibran non só nas tres dimensións habituais e o tempo, senón tamén noutras SEIS dimensións…
As súas HARMONÍAS producen todo o que existe.
É a “teoría do TODO”.

As cordas vibran nun espacio de 10 dimensións e posúen enormes cantidades de SIMETRÍA. Pódense transformar en multitude de maneiras –en gravidade, estrelas, células nervosas e átomos radiactivos- e continuar sendo ESENCIALMENTE O MESMO.

A teoría M: Máxica, Misteriosa ou Madre, é aínda máis simétrica que a de cordas pois incorpora unha undécima dimensión.

Os sistemas de referencia cambiantes e a idea de que a realidade pode abarcar varias perspectivas sen ser en ningún caso falsa constitúen a base tanto da relatividade especial de Einstein (elasticidade do espacio, tempo, enerxía, materia) como da relatividade xeral (curvatura do espacio-tempo).

Os físicos describen ás veces A NADA como un estado de PERFECTA SIMETRÍA.

Galaxias



Esas fabulosas criaturas, as galaxias, albergan millóns e millóns de mundos posibeis cada unha...

Nós, que albergamos tamén inmensos mundos, cada criatura terrestre, non somos máis que minúsculas partículas bailando vertixinosamente nos brazos dunha delas, a Vía Láctea, o Camiño das brillantes Estrelas.