28 may 2012

aves nun mundo de plástico

Érase unha illa remota onde vivían felices toda clase de aves, particularmente albatros de longuísimas alas. Estas amorosas  aves son moi lonxevas e cando escollen compañeira pasan con ela moitos anos, quizais a vida enteira, chegan a vivir até os 80! En contrapartida a súa prole é escasa e a reproducción da especie moi lenta. Aliméntanse de luras e outros cefalópodos que pescan de noite cando brillan coa lúa na superficie das augas.
Pero até a un lugar virxe como esa illa no medio do océano chega o lixo, arrastrado polas correntes mariñas: plásticos de todo tipo que se volven unha trampa mortal para miles de crías de albatros que os comen directamente do buche dos seus proxenitores, que por outra parte tamén enferman. A vida delas resulta extremadamente triste, dolorosa e  breve.

Nas nosas costas vivimos a experiencia de ver como o mar se tinxía da cor negra do petróleo. Grazas á solidariedade de toda a xente que respondeu ao grito de NUNCA MÁIS o mar voltou a regalarnos alimentos e seguimos tendo o privilexio de nadar nas súas aguas, descalzarnos na area e non acabar cos pés pegados a unha rocha.
Pero o o chapapote tóxico que a todo o  mundo repugnaba, continúa, camuflado en formas e cores máis ou menos atractivas, invadindo as nosas vidas: nos envases de comida, na roupa que vestimos, no calzado, nos innúmeros obxectos dos que nos facemos rodear. Está por todas partes, levámolo da man con cousas dentro, imprégnanos a pel, a boca, o pelo. Nin nos decatamos. Até a conciencia a debemos de levar plastificada. 

Por máis que as crises económicas e sociais nos atenacen, o realmente irremediable sería que a auga deixase de ser potable, o alimento se tornase veleno e o aire irrespirable. Ademais de acabar cos recursos naturais, estamos construindo un planeta artificial feito de multicolor inmundicia.

Os ollos inocentes destas aves son claros sinais de alerta. Elas tamén precisan solidariedade.
Nalgún momento hai que poñer un límite a tanto producir, consumir e tirar productos letais para as criaturas do planeta, incluídas nós. E igual que os demais abusos que temos que parar ese momento non pode esperar. Ten que ser XA.
 


22 may 2012

marte e a lúa

Aínda non se ven as constelacións do fondo pero aí as están: detrás da lúa o Touro e detrás de Marte o León, como comprobamos no Stellarium.

5 abr 2012

lúa de pascua

A primeira lúa chea da primavera cae sempre en semana santa, mellor dito, a devandita semana establécese no primeiro plenilunio logo do equinoccio de marzo.


4 abr 2012

a novena nube

Contamos as ondas do mar para non levar sorpresas desagradables; non pasa nada e de súpeto chega unha maior que as anteriores, completamente inesperada, que suma as que veñen cara a praia sen descontar as que volven cara ao mar. Supostamente é a novena onda.
No noveno mes (setembro) recoméndase tomar baño de nove ondas, nove días.

As nubes tamén se contan e a número nove ten un significado especial. Estar na novena nube é estar no máis alto, no sétimo ceo. Como estar aquí, contemplando estas nubes.

20 mar 2012

equinoccio, día e noite iguais

Equinoccio de Marzo en Dzibilchaltun

Os maias, grandes astrónomos deixaron o seu legado astronómico na arquitectura dos seus templos e pirámides.


26 feb 2012

Xúpiter, lúa e Venus en conxunción.


Cando coinciden os planetas e a lúa, o camiño da eclíptica vólvese luminoso e máxico. Son brillantes que se pon a noite no seu colar. E destacan na escuridade como altísimos farois,  pese á contaminación lumínica.

23 feb 2012

fabuloso río Mondego

Un anaco de planeta, arteria chea de vida no corazón de Portugal.

20 feb 2012

bacterias baixo terra

No deserto de Atacama, grazas a un detector de signos de vida chamado SOLID (Signs of LIfe Detector), científicos chilenos e españoles descubriron un oasis de vida bacteriana a dous ou tres metros baixo terra. Bacterias e outros organismos primitivos denominados arqueas sobreviven alí nun hábitat constituído por sales (halita) e outros compostos higroscópicos, pero sen osíxeno nin luz.


16 feb 2012

aiche

Mercedes Peón e "... a enerxía telúrica da miña terra".

15 feb 2012

música, matemáticas e astronomía

Pitágoras relacionou mediante proporcións matemáticas as distancias tonais que separan os intervalos dentro da escala descubrindo que o tono dependía da lonxitude da corda que se tocaba, sentando as bases da harmonía musical.

Kepler pasou a vida á procura da música das esferas.
William Herschel empezou sendo músico, compoñía e dirixía coros cada vez máis grandes. Máis tarde empezou a estudar matemáticas e a aplicar estas ao movemento dos astros. Quixo facerse cun telescopio pero era suficientemente pobre para adquirir un, ou suficientemente hábil para construílo coas súas propias mans. Ademais contaba coa inestimable axuda da súa irmá Carolina Lucrecia. Construíron un telescopio tras outro até chegar a un de 12 metros de lonxitude e metro e medio de diámetro.Un bo día de 1781, desde o seu xardín, contemplou un astro moi brillante que non titilaba como as demais estrelas e que resultou ser o planeta Urano, primeiro planeta que se descubría desde a antigüidade.

A Carolina Herschel, irmá de William, gustábanlle tamén a música, as matemáticas e a astronomía mais pola súa condición de muller e da época en que lle cadrou vivir tiña que ocuparse doutros menesteres. Mais ou menos liberada de responsabilidades familiares e domésticas, primeiro aprendeu a cantar e colaborou co irmán mentras este vivía dedicado ás actividades musicais. Pasaban o seu tempo libre construíndo telescopios e despois que William descubrira Urano, os dous se dedicaron de cheo á astronómía. A súa curiosidade levouna a descubrir oito cometas entre 1786 e 1797, a completar un catálogo con máis de 500 estrelas que tiñan pasado desapercibidas e a elaborar outro con máis de 2500 nebulosas, cúmulos e outros obxectos lonxanos recibindo por este traballo un premio da Royal Society.

As relacións entre a astronomía e a música foron intensas durante a Idade Media, cando a construcción das catedrais baseábanse nas harmonías musicais e xeométricas. Hildegard von Bingen foi unha visionaria que ademais de crear na súa mente modelos cosmolóxicos onde se representaba o microcosmos humano en relación ao macrocosmos, compoñía música que despois cantaban as novicias do seu convento.


En 1919 estrenábase en Londres "Os planetas" de Gustav Holst, compositor que encontrou inspiración na faceta astrolóxica e esotérica dos astros.

Na antiga cosmoloxía, as esferas planetarias ascendían da Terra ao ceo polos banzos dunha escaleira. Cada esfera correspondería a unha nota diferente dunha gran escala musical e cada tono emitido polos planetas dependía das proporcións das respectivas órbitas.

A principios dos 70 Led Zeppelin lanzou unha escaleira ao ceo (Stairway to Heaven), controvertida canción na que algúns vislumbraron extranas conspiracións satánicas en mensaxes agochados na letra escoitada ao revés, o colmo do enrevesamento.
Moito máis recentemente, en abril de 2011, a NASA enviou cancións ao espazo no transbordador Endeavour. A gañadora foi Sunrise nº 1 da banda asturiana Stormy Mondays. O tema, orixinalmente tiña un aire máis meteorolóxico que espacial, estaba dedicado ao "home do tempo", Weatherman.