Forma e tempo aniñan no ADN. Participando da natureza da luz, somos tamén onda e partícula: ondas que se deteñen e conflúen para formar partículas, partículas que se disolven para tornarse ondas.
Se xa a luz leva unha velocidade que quita o hipo, outras formas de enerxía -máis subtís que a propia luz- serán susceptibles de moverse a velocidades inimaxinabeis. Se a velocidade se reduce, a enerxía acumúlase en forma de astros tanto máis densos (asteroides, satélites, planetas) canto máis lenta a velocidade e menor radiación desprenden. Se a penas se reduce á velocidade da luz, serán estrelas radiantes.
Podemos tocar a Terra, do sol sentir o calor, observar nebulosas e alcanzar con telescopios espaciais obxectos que os ollos nin se atreven a soñar. Pero non nos facemos idea do universo que pasa veloz a penas rozándonos, porque bule de máis para o noso actual sistema de percepción.
O primeiro retrato (de nós): enerxía que se detén nunha esfera perfecta rodeada de dúas membranas. Cando O TEMPO (enerxía que se ralentiza) entra na membrana comeza a embrullar o particular novelo que deberá xirar día e noite. E as células a construír o seu universo placentario.
O seguinte retrato (seguimos sendo nós): un tetraedro con cadanseu diminuto planeta celular no ángulo correspondente.
De aí en diante, expansión: meiose, mitose. Curioso ese dividirse para multiplicarse acumulando elementos procedentes de supernovas que estalaron lonxe.
O tetraedro continúa no seu crecemento holográfico. No delphos (embigo) mora o xerme do cristal que xira na dobre dirección (dextróxira-levóxira) dando lugar á galaxia que somos, fractal de luz do cosmos que nos rodea.
