Os nomes das galaxias ben podían ser de deusas, raíñas ou principesas como a de Andrómeda, e non esas desaboridas combinacións de números e letras. Como moito, se lembran a algo teñen un alcume: reloxo, corazón, ollo de gato.
Na nomenclatura do RC3 Catálogo de Galaxias Brillantes Terceira Referencia , as letras e outros símbolos dan información sobre a súa forma facendo alusión á clase, familia, variedade e etapa pola que atravesan.
E así, hainas elípticas, espirais, lenticulares, irregulares e peculiares.
Barradas, mixtas, ordinarias.
Compactas, con anel interior, en forma de S.
Temperás, intermedias, serodias, magallánicas (ou non), alongadas, con anel externo ou con falso anel, de clasificación incerta ou dubidosa.
En todo caso asombrosas, inasibles e irrepetibles.
Seres poéticos con nomes prosaicos.
Antes usábase unha nomenclatura máis simple, porque se sabía de moitas menos. Eses nomes continúan usándose e empezan pola letra M (de catálogo Messier) ou as siglas NGC (de New General Catalogue).
Ademáis de poñerlles extranos nomes e aínda que estamos a uns 25.000 anos-luz de distancia do centro da nosa galaxia, de aquí da Terra non resistimos a tentación de indagar o que hai alí dentro.
A astronomía di que millóns de estrelas rodeadas de po, algunhas delas enormes, novas, supernovas e supermasivas, enxames de estrelas e buracos negros.
O telescopio espacial Hubble nas súas viaxes polo tempo, descubríu que a menos de 100 anos-luz do núcleo da Via Láctea existen, ou polo menos existían no pasado máis remoto, dous enxames onde se encontran as estrelas máis brillantes, o enxame do Arco e o enxame do Quintúpleto.
As demáis galaxias están tan afastadas que parece imposible que ningún telescopio poida alcanzalas, pero o fantástico Hubble, a piques da xubilación, continúa sorprendendo cos seus achádegos.