Os estratos son as nubes que baixan a beber no mar e tocar a terra.
Chamámoslle néboa, neboeiro, brétema.
Cando hai néboa, di Gavin Pretor-Pinney, fundador da "Cloud Appreciation Society", non temos que subirnos a ningunha nube porque xa estamos nela. Embrúllao todo e non se move a pesar dos seus mil pés que son os nosos. Faise densa virando neboeira e alancamos por ela con ánimo frío, humor desvaído e cabeza pesada. Non sabemos que vai pasar, non vemos máis alá. Pensamos nos barcos e nos traizoeiros cons nos que poden bater.
Ás veces dá vontade de berrarlle ao ceo.
Foto de Olalla, dun paseo dela polo museo do mar.
O sol non se deixa ver. Este cambiante ocaso -ou mencer- musical lembra o día en que atravesamos o arco da vella ou o arco da vella nos atravesou, algo que en teoría non é posible; a atmósfera foise tinxindo no serán, primeiro de rosa, a continuación violeta, azul intenso, verde, para acabar cun amarelo que se voltou laranxa e despois vermello...
"Shadows dance triumphantly
A wordless whisper sighs and pleas
Little deaths envelope thee
You and I and a flame make three"