28 oct 2012

I congreso internacional de observadores de nubes



 
Na Granxa Barreiros, en Sarria, tivo lugar o insólito encontro de nubólogos e nubólogas, amantes desas etéreas criaturas que bogan na atmósfera e nos regalan sombra, chuvia e toda clase de fantasías. Un fin de semana intenso, entre científico e poético no que non faltou de nada: a charla inaugural de Gavin Pretor-Pinney quen preside a Cloud Apreciation Society, a didáctica explicación do noso home do tempo sobre a formación e evolución das nubes, relatos de nuberos bruxos que conxuran treboadas lanzando zapatos ao aire, leccións de fotografía, astronomía e visións maravillosas do ceo a través da arte; ademais de paseos á caza de nubes, por terra e por aire en globo e paratrike.

A noite do sábado observamos o paso da estación espacial internacional que se dirixía á lúa case chea cal estrela fugaz con paso demorado. Pero a verdadeira estrela desa noite foi o concerto o latido das nubes e outras melodía seguindo o método cardiofónico, con zanfoña, clarinete, oboe/corno inglés, órgano de Barbaria e caixa de música acompañados dos latidos de corazón que o doctor Iriarte gravara aos seus pacientes.
Inenarrable. Hai que escoitalo e estar alí para sentilo.


Sábado de mañán, ceo cuberto sobre os campos da granxa Barreiros.

Sábado tarde, nubes e claros, nada de vento.

Nubes cargadas de chuvia que descargaron á noite.

Ceo sobre o chapeu dunha amanita muscaria.

Nube atrapada no cogumelo.

Paseo á caza de nubes.
 

Estación espacial internacional riscando o ceo nocturno.

 

As nubes que cubriron o ceo todo o sábado retiráronse discretamente o domingo deixando o ceo despexado e azul, máis propicio para un paseo aéreo.


 Paratrike e globo.
 


 
Paseo por  terra á igrexa románica de Santiago de Barbadelo.

25 oct 2012

calendario de chuvias de estrelas

O domingo pasado fugáronse algunhas estrelas rozando Orión. É un fenómeno digno de verse, tumbándose e envolvéndose nunha manta, no balcón, no xardín, na praia...

Para non perdernos a próxima oportunidade:

CALENDARIO DAS CHUVIA DE ESTRELAS

13 oct 2012

illa Tegra


Normalmente a néboa sube do río ou do mar polas mañás, cubre a aba do monte e forma unha illa, unha illa mítica que navega nun mar de nubes.

28 ago 2012

fin da tarde

 
Mergullar atrás do sol. Leça de Palmeira.

21 ago 2012

tres cuartos de lúa

A lúa crece e crece e crece,
e mostra sempre a mesma cara?
 

18 ago 2012

irisación

 

16 ago 2012

thrive, a enerxía toroidal

Documental sobre a enerxía libre, aquela que supostamente podería cambiar o mundo mais que non o fai por supoñer unha ameaza para a maior e máis poderosa industria mundial que é precisamente a industria da enerxía.





21 jun 2012

DMTverso

Un novo universo aflora cando se segrega a hormona DIMETRIPTAMINA ou DMT - molécula da conciencia- debido a unha estimulación da pequena glándula que temos no centro do cerebro, a glándula pineal, de xeito que se accede a un mundo paralelo  onde o tempo se desintegra, non existen sombras nin separación, nin pasado nin futuro. Algunhas persoas relatan que traspasar esta porta é como saír cara a un universo exterior que en realidade está dentro, establecen conexión coas plantas e animais, viven unha experiencia de mil anos en quince minutos. Experiencia impersonal en que se dilúe e se expande a conciencia individual para encontrar a esencia da alma, o lugar onde as almas renacen. Hai quen se achega a estas percepcións por medio da ayahuasca, chamada tamén liana que cura, medicina usada polos indios da Amazonia en rituais guiados por un chamán que accede a un coñecemento ancestral; pero esta planta ten tanto poder que nos arrastra ao límite entre a vida e a morte e igual que cura, se non se toma nas condicións adecuadas pode matar.

En todo caso, todos os seres segregan substancias endóxenas que actúan como opiáceos naturais en doses máis ou menos significativas durante os soños, en momentos creativos ou meditativos, e cando entran en profunda conexión coa natureza.
 
Deste universo producto de estados alterados de conciencia levan dado conta a mitoloxía e lendas de tantas culturas, relixións animistas e crenzas populares que existe unha variadísima galería de entidades: divindades, ninfas, sereas, espíritus das augas e das árbores, anxos e diaños, trasnos,  fadas. Na tradición galega son comúns os relatos de espíritus que transitan entre dous mundos como a  santa compaña, as ánimas, os desaparecidos; ademais das meigas, as mouras que se peitean con pentes de prata e outros míticos moradores dos castros e nas historias abundan personaxes como o trasgo, o lobishome, o urco...  Con algúns deles parece que é  máis doado comunicar en determinadas datas, como son os oito portais do calendario celta: equinoccios, solsticios e festividades no medio das estacións (samaín, as candelas, os maios e o 1º de agosto). Momentos para apartar o filtro que nos impide ver máis alá da sólida realidade e deixarse asombrar cando menos pola fantasía pois din que sen absolutamente nada de DMT todo se volve gris, monótono e sen gracia.
 


"El DMTverso se siente completamente real en términos de detalle y de potencial de exploración. Muchos sujetos tienen la sensación de que es una realidad independiente y constante que persiste y progresa sin que necesariamente ellos le presten atención. Esa realidad parece de hecho más real que nuestra propia realidad."
Descondicionamento org

28 may 2012

aves nun mundo de plástico

Érase unha illa remota onde vivían felices toda clase de aves, particularmente albatros de longuísimas alas. Estas amorosas  aves son moi lonxevas e cando escollen compañeira pasan con ela moitos anos, quizais a vida enteira, chegan a vivir até os 80! En contrapartida a súa prole é escasa e a reproducción da especie moi lenta. Aliméntanse de luras e outros cefalópodos que pescan de noite cando brillan coa lúa na superficie das augas.
Pero até a un lugar virxe como esa illa no medio do océano chega o lixo, arrastrado polas correntes mariñas: plásticos de todo tipo que se volven unha trampa mortal para miles de crías de albatros que os comen directamente do buche dos seus proxenitores, que por outra parte tamén enferman. A vida delas resulta extremadamente triste, dolorosa e  breve.

Nas nosas costas vivimos a experiencia de ver como o mar se tinxía da cor negra do petróleo. Grazas á solidariedade de toda a xente que respondeu ao grito de NUNCA MÁIS o mar voltou a regalarnos alimentos e seguimos tendo o privilexio de nadar nas súas aguas, descalzarnos na area e non acabar cos pés pegados a unha rocha.
Pero o o chapapote tóxico que a todo o  mundo repugnaba, continúa, camuflado en formas e cores máis ou menos atractivas, invadindo as nosas vidas: nos envases de comida, na roupa que vestimos, no calzado, nos innúmeros obxectos dos que nos facemos rodear. Está por todas partes, levámolo da man con cousas dentro, imprégnanos a pel, a boca, o pelo. Nin nos decatamos. Até a conciencia a debemos de levar plastificada. 

Por máis que as crises económicas e sociais nos atenacen, o realmente irremediable sería que a auga deixase de ser potable, o alimento se tornase veleno e o aire irrespirable. Ademais de acabar cos recursos naturais, estamos construindo un planeta artificial feito de multicolor inmundicia.

Os ollos inocentes destas aves son claros sinais de alerta. Elas tamén precisan solidariedade.
Nalgún momento hai que poñer un límite a tanto producir, consumir e tirar productos letais para as criaturas do planeta, incluídas nós. E igual que os demais abusos que temos que parar ese momento non pode esperar. Ten que ser XA.
 


22 may 2012

marte e a lúa

Aínda non se ven as constelacións do fondo pero aí as están: detrás da lúa o Touro e detrás de Marte o León, como comprobamos no Stellarium.