26 feb 2009

lulin

O seu nome completo é C/2007 N3 Lulin e pódenselle distinguir dúas colas. As colas fórmanse polo vento solar que espalla a materia brillante que rodea a cabeza ou coma do cometa. A materia é xeo con apariencia de neve sucia que se vaporiza, sublima, co calor do sol. Ese vapor brilla formando o coma que rodea o núcleo do cometa e parte del sóltase como unha madeixa de cabelo formando unha das colas de aspecto abrancaxado. A outra, azulada, está formada por ións.

Os cometas teñen órbitas excéntricas e pasan cada moitos anos o suficientemente perto para que poidamos aprecialos.

O Halley pasa cada 77 anos. A última vez, en 1986. Era tan popular que as noites con bo tempo non era difícil encontrar alguén cargando uns prismáticos ou un telescopio, en busca dese obxecto fabuloso. Pero o cometa xa fora estudado por Edmund Halley en 1682 e as súas observacións levaron a este a deducir a periodicidade destes astros.

En 1995 dúas persoas descubriron un cometa. Eran Hale, en Novo México, e Bopp, en Arizona. É por iso que lle puxeron ese nome composto, como ao que descubriron na mesma noite do 1 de setembro de 1978 desde Xapón o señor Haneda e o señor Campos desde Suráfrica. Pero se non vimos o Hale-Bopp naquela ocasión agora teremos que agardar uns tres mil anos.

Pode parecer moito tempo, en cambio Lulin non se prodiga tanto como eles e pasa só cada 28 millóns e medio de anos..., dá frío pensalo!

Aínda así, a peor sorte é a do cometa Haneda-Campos, que, logo de deixar unha corrente de meteoritos -as Capricórnidas de octubro- como tantos outros cometas menores, foi desviado da súa órbita pola forte atracción gravitatoria do planeta Xúpiter, según nos contou o señor Campos, o que nos privará de observalo simplemente para sempre.

Ou para sempre carece de senso neste contexto?

Outros cometas relevantes que pasaron ultimamente foron Kouhoutek en 1973 ou Hyakutake en 1996.

Cada mes son observables até unha decena deles e máis, que pasan desapercibidos para o común dos mortais. Este mes de marzo serán visibles os cometas Kushida, Christensen, Bhroughton, Cardinal, Siding Spring, Mc Naugth, Boethin, Churyumov-Gerasimenko, Schwassman-Wachmann1, Kopff e 116P/Wild 4.

Pero sen dúbida, o protagonista desta temporada é Lulin.


Fotografía de Phillip Jones