9 feb 2009

os nomes das estrelas


Alcione (estrela alfa das Pléiades)

Algúns nomes de estrelas proceden da lingua grega como Sirio, Procyon, Polux, Castor, Régulo, Polaris, Arturo, Canopo, as Pléiades, outros da lingua árabe como Alcor (a débil), Mizar (velo), Vega (caída), Aldebarán (o seguidor), Deneb (a cola), Rigel (a perna), Algol (estrela demo), Betelgeuse (hombro, ou axila? do xigante), e uns centos delas máis.

O catálogo estelar máis antigo foi elaborado polo astrónomo grego Hiparco no ano 127 antes da nosa era. Contiña as posicións de 1.080 estrelas divididas en seis clases de acordo co seu brillo aparente. No "Almagesto" de Claudio Ptolomeo as estrelas aparecen catalogadas en clases de brillo ou magnitudes.

As clases de brillo recibiron o nome de magnitude, chamando ás máis brillantes de 1ª, de 2ª, 3ª, 4ª, etc., até a 6ª magnitude, estas últimas son as estrelas máis débiles que se distinguen a simple vista.

A magnitude é o brillo aparente co que vemos unha estrela e a súa dimensión, e depende do brillo da estrela e da distancia á que se encontra. Canto maior é a magnitude dunha estrela menor é o seu valor numérico, chegando a ter valores negativos nas estrelas de maior magnitude.

Sirio, a máis brillante do ceo, ten unha magnitude aparente de -1'46 porque se encontra a 9 anos luz de nós, mentras que Rigel que é 2.000 veces máis luminosa, aparece cunha magnitude 0'08 por encontrarse a unha distancia 100 veces maior.

A magnitude absoluta dunha estrela é a magnitude que tería dita estrela se estivese situada a unha distancia de 10 parsecs (1 parsecs é 3,2616 anos luz = 3,0857 x 10 elevado a 16 m, isto é, a distancia desde a que a Terra e o Sol parecerían estar separados por un ángulo de 1 segundo de arco).

A magnitude das estrelas coñécese actualmente por medio dos fotómetros ou fotograficamente.

Ante a imposibilidade de dar nome a tal morea de estrelas e clasificar os seus brillos ou magnitudes aparentes planeáronse distintos sistemas de nomenclatura ao longo do tempo.

O alemán Johannes Bayer publicou en 1603 un atlas de mapas estelares chamado Uranometría, no que as estrelas de cada constelación ían precedidas das letras do alfabeto grego seguidas do xenitivo do nome latino da constelación empezando polas de máis brillo, de xeito que chamou alfa á estrela máis brillante, beta á que lle seguía en brillo, e así sucesivamente. O inconveniente desta nomenclatura é que o alfabeto grego consta só de 24 letras, e hai unhas 70 estrelas visibles por constelación. Cando as letras do alfabeto grego resultaban insuficientes para unha constelación Bayer utilizaba as letras minúsculas do alfabeto latino, complicando así o método.

Coa aparición do telescopio constatouse a existencia de moitas máis estrelas, e de novo cuestionouse o tema da súa denominación.

O astrónomo inglés John Flamsteed realizou en 1712 o primeiro catálogo coa axuda do telescopio, denominado Historia Coelestis Britannica, utilizando números en lugar de letras, asignando un número a cada estrela na orde en que chegaba ao meridiano.

Co avance da tecnoloxía e dos telescopios, obsérvanse millóns de estrelas en cada constelación, o que dificulta máis a aplicación dos sistemas antigos.

As estrelas distínguense actualmente, non polo seu nome, nin letras, nin números, senón pola posición que ocupan na esfera celeste, isto é, pola súa ascensión recta e declinación.