15 jul 2010

esfinxe


13 jul 2010

como se formou o sistema solar

27 jun 2010

Tourón


A verdade é que ten todo o aspecto dun mapa galáctico. Este deseño prehistórico desperta a nosa imaxinación. No centro, un gran burato negro invisible do que irradian liñas cara a distintos elementos do océano cósmico: galaxias espirais, planetas, sistemas solares ou supernovas; e solto, un cúmulo estelar. Aos lados, outros esquemas semellantes conectados a través da pedra que representa a materia da que todo está feito.
E  un gran cervo que observa,  e outros cervos e cervas mais pequenas...
 



O parque arqueolóxico de Tourón conta cun centro de interpretación, paneis explicativos da ubicación dos petróglifos e dos elementos do horizonte, carteis con esquemas de cada unha das pedras gravadas, pasarelas de madeira e esculturas de cervos que compiten coa fauna do lugar; alí as ovellas acaban cos rebentos das poucas árbores que se deixaron e as cabras pasan  tan campantes por enriba das obras de arte.

25 jun 2010

asteroide Vigo


Ten o nº 127.870 no rexistro de planetas menores e foi recoñecido en 2009 pola Union Astronómica Internacional co nome de asteroide Vigo, xa que o seu primeiro descubridor, Ignacio Ferrín, naceu nesta cidade, aínda que oficialmente será batizado nela despois deste verán. A súa referencia 2003 FE123, fai alusión tanto ao nome do descubridor como ao ano en que se descubríu desde o Observatorio Nacional de Llano del Hato-Mérida-Venezuela, en 2003 e sendo o primeiro asteroide que leva o nome dunha cidade galega. Hai outros con nome de cidade na península como o asteroide 9453 Mallorca ou o 13260 Sabadell . O asteroide 945 Barcelona xunto con outros con nome de muller como 956 Amelia , 1102 Pepita -en realidade este dedicado á Constitución española de 1812 popularmente coñecida por "la Pepa"- ou 1136 Mercedes foron descubertos polo astrónomo catalán Josep Comas i Solà entre 1915 e 1930.

Vigo é un asteroide sólido que como a maioría deles orbita entre Marte e Xúpiter no chamado cinturón de asteroides, aínda que tamén existen algúns entre Marte e o Sol ou despois de Xúpiter e outra gran concentración deles máis alá da órbita de Plutón no cinturón de Kuiper.

Case todos teñen formas irregulares.

O "noso" ten uns 5 km de diámetro, así que nun par de horas, alancando, poderiamos chegar do mencer ao solpor e igual que o Principiño, contemplar uns cantos destes espectáculos ao día. Mágoa que a súa atmósfera sexa irrespirable!

18 jun 2010

virgo, ceres e corpus

Igual que acontece coa festa de nadal a festa de corpus está relacionada coa constelación de Virgo e a súa estrela Spica. Esta festividade chámase tamén día da Espiga ou (en Portugal) Quinta feria da Espiga , día en que tradicionalmente ían rapaces e rapazas recoller espigas e flores silvestres coas que facían ramos que se gardaban todo o ano. Tapizar as rúas con alfombras de flores é algo que se continúa facendo neste día por estas latitudes.

Isto debeuse celebrar con distintas variacións desde que a humanidade descubríu a agricultura alá polos comezos do Neolítico dedicando a festa ao longo das civilizacións a distintas divindades sempre femininas como a deusa babilonia Isthar, a exipcia Isis, a grega Deméter ou a romana Ceres -por certo, patroa de Sicilia, illa de forma triangular que foi colocada no ceo polo deus Xúpiter a petición de Ceres na constelación Triangulum-, representada de xeito parecido á constelación de Virgo.

Similares representacións da deusa Ceres e da constelación de Virgo.

De Ceres deriva a palabra cereal e existe un asteroide chamado Ceres orbitando no cinturón de asteroides, entre os planetas Marte e Xúpiter, descuberto desde Palermo por Giuseppe Pazzi o 1 de xaneiro de 1801.

A constelación de Virgo está chea de connotacións agrícolas e simboloxía cristiá, ademais de Spica ou Espiga (α, estrela dobre de magnitude 1,0 e a unha distancia de 20 anos-luz) ten a estrela Vendemiatrix ou Vendimadora(ε) e cada unha delas alude a estacións opostas: Spica á primavera, colleita de froitos e cereais (pan, "corpo") e Vendemiatrix ao outono, vendima (viño "sangue"), momento en que a constelación se encontra en conxunción co sol sendo por tanto invisible.

Virgo é unha zona do ceo a través da que se poden observar multitude de galaxias e obxectos do ceo profundo, ao norte da constelación pode verse un "racimo" ou cúmulo de estrelas que constitúe o núcleo da constelación Coma Berenices ou Cabeleira de Berenice.

Na súa columna do domingo 13 de xuño MANUEL VICENT escribíu sobre a celebración do Corpus que como tantas outras no calendario vén de antes de antes...

12 jun 2010

a Terra de lonxe

Unha viaxe de ida e volta de seis minutos e medio para mirar o mundo con outra perspectiva.

8 jun 2010

observatorio de Forcarei

En plena Terra de Montes, saíndo de Forcarei cara á Estrada, nun lugar chamado As Casetas, divisamos a cúpula branca. Que decepción! dixo alguén, pensando que era máis grande... mais unha vez dentro resultou ser maior do que parecía: unha construción circular cun diámetro de 8 m na planta baixa e 5 m na cúpula. E sobre todo, un pequeno gran telescopio que nos mostrou recónditos recantos do universo en retratos feitos dende aquí!


Situado a unha latitude de 42º 36' 41.3'' N, lonxitude de 8º 22' 9'' O e a unha altitude de 670 m sobre o nivel do mar é o noso primeiro Observatorio Público e está sendo xestionado pola Fundación Ceo e Cultura.
Despois do recibimento con foto incluída que nos fixeron ao chegar, accedimos ao edificio pola rampa e na planta baixa tivemos unha pequena charla de introdución á visita. Aínda que o sitio é pequeno hai lugar para un par de ordenadores, carteis, folletos e diverso material divulgativo. Enseguida subimos á cúpula e o astrónomo Francisco Violat explicou con gran sentido do humor o funcionamento do telescopio que ten 60 cm de diámetro, espello, montura e cámara de 11 millóns de píxeles e no que unha pequena morea de pesas rudimentarias dan estabilidade a todo o sistema. Finalmente, a través do ordenador ao que o telescopio está conectado, e de novo na planta baixa, contemplamos o album de fotos do cosmos feitas polo telescopio de Forcarei.


25 may 2010

azulinados

 
 

20 may 2010

finisterra do Morrazo

Outra peregrinación ao monte do Facho nesa cita co pasado e a natureza que nos chama cada pouco para unirmos as pegadas ás que imprimiron noutras épocas xentes nativas destas terras e outros pobos que por aquí pasaron, nas rodeiras gravadas polos carros nas laxes da corredoira, nas rochas con ocos que resoan e nas que teñen forma de leito ou de diván.
Sobre o horizonte occidental as illas gardan as respectivas rías e deslúmbranos o mesmo sol que uns dous mil anos antes tanto impresionou ás tropas romanas ao mergullar nun océano do que daquela non se coñecía o límite e que cheos de temor e reverencia identificaron co fin do mundo.

18 may 2010

Santa Mariña de Augas Santas



Santa Mariña non é só unha aldea cunha encantadora igrexa románica rodeada de fontes; é un conxunto de elementos que constitúen todo un itinerario pola historia: Paleolítico (dolmen), Idade do Bronce (petroglifos) e do Ferro (castro de Armea), romanización (aras), cristianización (lenda da santa), Idade Media (templarios, románico), camiño de Santiago ( vía da Prata),… chegando á actualidade envolta en misterio e chea de connotacións simbólicas.
O propio nome de Augas Santas fai referenza a esa sincretización de cultos; se Mariña era santa (cristianización) tamén o eran as augas (cultos celtas ou prerromanos, cando se divinizaban as augas) e o asunto non queda aí, pois se a lenda serve de xustificación á realización de prácticas ancestrais como a de beber e lavarse coas augas sagradas e máxicas, o cristianismo non esqueceu incluír no seu culto divindades druídicas: árbores coma o carballo da santa que secou hai decenas de anos mais deixou até a actualidade rituais asociados no emprazamento onde estaba, e as pedras como é o caso do asento da santa e das coviñas das pedras dos xigantes onde a auga ten a propiedade de curar as doenzas dos ollos.
O percorrido cronolóxico por Augas Santas podería comezar no dolmen posiblemente subxacente na denominada basílica da Ascensión, para continuar polo castro de Armeá, situado na cima dun coto perto da basílica e onde se atoparon figuras de gran tamaño cos torsos de guerreiros gardiáns castrexos, pezas que se poden ver no Museo Arqueolóxico de Ourense. ao pé do castro encóntrase unha construción de muro baixo feito de cachote que rodea as chamadas pioucas da santa, especie de bañeiras escavadas no chan e cheas de auga asociadas a rituais de sanación consistentes en poñerse unhas pedras en forma de torso ás costas e dar un número impar de voltas arredor da construción. Voltar á basílica e baixar á cripta onde se encontran as tampas en pedra de cadaleitos que poderían pertencer a cabaleiros templarios alí enterrados (esta basílica foi construída ou mandada construír polos templarios e quedou inacabada a raíz da desaparición a principios do século XIV da orde do Temple). Na cripta encontramos auga en abundancia abrollando das paredes en medio dunha escuridade case que total. Coa axuda dun foco, ou dun isqueiro coma no noso caso, pódense intuír as figuras de serpes que gardan a entrada á pedra Formosa, construción prerromana rodeada de misterio, e atravesando unha segunda estancia chégase ao chamado “forno da santa” que remata nunha cheminé que comunica co exterior onde se ve como un burato na pedra e unha especie de cinceiro a carón ao parecer relacionado con rituais ancestrais e coa milagreira “ascensión” de Mariña, que se salvou así de ser queimada. Finalmente, saíndo da cripta por outra escaleira lateral igual de escura, pódese continuar o percorrido mítico e histórico cara a igrexa románica de Santa Mariña, a través dun camiño bordeado de carballos de troncos retortos e cañotas de castiñeiros de varios séculos de idade e penedos nalgúns dos que poden encontrarse petroglifos. Iso último lémolo, porque que a nós non nos deu tempo a buscalos.
Ao final do camiño, costa arriba, topamos co fantástico rosetón da fachada occidental da igrexa que, contou a veciña que nola ensinou, ilumina o altar a finais de marzo e setembro o que quere decir que está orientada ao solpor equinoccial o que lle dá unha connotación astronómica de calendario. A carón da igrexa hai unha capela onde probamos a auga sagrada e máxica do pozo e fóra outra fonte ao pé dun carballo e un lavadeiro. Todas tres son as tres fontes que segundo a lenda cristianizadora dos cultos druídicos brotaron dos botes que deu a cabeza da santa cando foi decapitada.