28 mar 2011

mar de arroás

Un mariñeiro de Donón contounos que nunha marea atoparan un golfiño morto enredado no aparello, que o abriran e quedaran abraiados polo tamaño que tiña o corazón e o brillante e vermello que era o sangue.

Tamén contou que os vía entrar de madrugadas no verán pola boca da ría e marchar á tardiña cara a Cíes.

 
Unha vez  para avistalos rodeamos en zodiac a illa de Pico, nas Azores, cuberta por un chapeu lenticular e vimos unha morea deles, algúns riscados e tamén un cachalote e unha balea que nadaba nas nubes.


Clavel mergullou cos delfíns nas augas do Caribe, e di que se deixaban rozar e que era unha gozada.
Por aquí deixámonos ficar na auga mentras pasan a certa distancia nas praias da ría e eses días Chuca di que está mar de arroás.
Desafortunadamente xa demos con algún varado, o corpo rosado apodrecendo rebozado de area.
Vimos como Gaspar facía acrobacias por enriba dunha gamela en Areacova.
Cando están de humor persiguen o barco de pasaxe e pegan chimpos para asegurarse de que os vemos. 
Drunvalo di que veñen de Sirio.
Dá igual, levan máis tempo neste planeta ca nós, que a saber de onde vimos.
Por esta ría veñen tanto que son como da casa. E devecen polas xoubiñas.


Igual que o mar é espello do ceo, as nubes son os espellos nos que se miran os arroaces.




23 mar 2011

movemento pola liberación dos mapas mundi

Os mapas, coma a linguaxe, non son inocentes. Interpretan o mundo cun determinado punto de vista. Para democratizalos hai que liberalos do seu soporte e a súa orientación.
O hemisferio sur non está do revés. Norte non significa arriba, nin sur é abaixo.
Calquera lugar onde nos encontremos está enriba dos demais pero ningún lugar está debaixo de ningún outro.


Liberemos o globo do seu soporte.


Poñamos o mundo patas para arriba.


O sol sae e ponse igual para todos e todas.


A Terra é a nosa casa.


Movemento pola liberación dos mapas mundi.

19 mar 2011

lúa de marzo


Esta lúa chea coincide co equinoccio (20 de marzo ás 23:21h) afectando ás marés, que son vivas.
Segundo a táboa de marés para Vigo, o nivel da baixamar foi de -2 m pola mañán, o que deixou os mexilóns que viven no porto en seco por unhas horas...


...e as quillas dos barcos ao descuberto.


21 feb 2011

Profecías desde o corazón

A xeometría sagrada forma parte de todo. A Terra e mais nós somos Un. Ou Unha. Tratamos o planeta como nos tratamos a nós. Compartimos a mesma forma enerxética, os chakras, o ADN, o toroide do corazón, os oito raios do cerebro. Formamos parte dunha secuencia, dun deseño cósmico, somos  proporción, vibración. Levamos dentro todo o que está fóra. Todo iso que chamamos universo.

12 feb 2011

human planet

O infinitamente grande universo e o infinitesimalmente pequeno mundo subatómico dan vértigo. Pousamos os pés na Terra e comprobamos que é infinitamente diversa, sorprendente, fascinante, sobrecolledora, dramática, humana e fermosa.

2 feb 2011

atracción fractal e estructura fractal do universo

Outro punto de vista



e mais outro.

24 ene 2011

unha nova nube

O máis variado e creativo que pasa polo ceo son as nubes. Non hai dúas iguais, nin tan siquera unha que se pareza a si mesma. Pálidas e desfiachadas, pequenas e ailladas, mesturadas e confusas, altas ou achaparradas, brancas como algodón, pesadas e grises, etéreas, veloces, dispersas, preñadas de chuvia ou cargadas de electricidade, son sempre distintas, mais aínda así gardan certas similitudes cando se dan en condicións parecidas polo que acaban sendo clasificadas, segundo a altura que alcanzan, a súa distribución na capa que ocupan na atmósfera, o tamaño, a forma e as asociacións que nos suxiren con outros seres e obxectos.
Dependendo das diferenzas de temperatura do ar e dos ventos dominantes adquiren preferentemente unha ou outra apariencia.

Unha desas nubes recurrentes é a que presenta gran parecido coa zafra ou bigornia sobre a que se lle dá, a lume vivo, forma ao ferro.




O que si se parece á propia nube é calquera fragmento da súa beira. De ter un zoom o suficientemente potente, tanto como para pasar dunha imaxe panorámica a unha visión microscópica veríamos nubes como matriuskas, unhas dentro de outras, nunha procesión infinita. É o que se chama un fractal. As nubes serían estupendas para observar fractais de podermos achegarnos máis a elas e aínda así, como son tan fuxidías, sería difícil seguilas polo que empezaremos por achegarnos virtualmente ao mundo dos fractais para entendelas.

Velaiquí van dúas visións, a primeira máis práctica e sesuda e a segunda moito máis psicodélica e pop, unha vertixinosa viaxe ao fondo do infinito.




15 ene 2011

cortina de chuvia


 

11 ene 2011

para os días de brétema, a mar a cores

Os estratos son as nubes que baixan a beber no mar e tocar a terra.
Chamámoslle néboa, neboeiro, brétema.



Cando hai néboa, di Gavin Pretor-Pinney, fundador da "Cloud Appreciation Society", non temos que subirnos a ningunha nube porque xa estamos nela. Embrúllao todo e non se move a pesar dos seus mil pés que son os nosos. Faise densa virando neboeira e alancamos por ela con ánimo frío, humor desvaído e cabeza pesada. Non sabemos que vai pasar, non vemos máis alá. Pensamos nos barcos e nos traizoeiros cons nos que poden bater.




Ás veces dá vontade de berrarlle ao ceo.


Foto de Olalla, dun paseo dela polo museo do mar.
 
As nubes, amigas do efímero, aseguran que o (mal) humor tamén pasa.

O sol non se deixa ver. Este cambiante ocaso -ou mencer- musical lembra o día en que atravesamos o arco da vella ou o arco da vella nos atravesou, algo que en teoría non é posible; a atmósfera foise tinxindo no serán, primeiro de rosa, a continuación violeta, azul intenso, verde, para acabar cun amarelo que se voltou laranxa e despois vermello...



"Shadows dance triumphantly
A wordless whisper sighs and pleas
Little deaths envelope thee
You and I and a flame make three
"

10 ene 2011

entre cúmulos e estratos



Así comeza xaneiro. As nubes son o telón de fondo dos días, a cara que poñen, de domingo, de luns...